Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Xunta asegura que os incendios dos últimos días son intencionados porque xorden con focos simultáneos

A Xunta asegura que os incendios dos últimos días son intencionados porque xorden con focos simultáneos

O conselleiro do Medio Rural di que ademais os incendios comezan preto das casas porque saben que sempre se van atender

"Na fin de semana iniciáronse 26 incendios despois da retirada dos medios aéreos, entre as nove da noite e as oito da mañá do día seguinte", di José González

G24.gal 04/08/2022 10:09

José González, conselleiro do Medio Rural, fala no Bos días da situación dos incendios en Galicia. En conversa telefónica desde o Centro de Coordinación en Santiago, "para ver as cámaras".

O responsable do Medio Rural di que o incendio de Verín, "logo dunha noite de moitísimo traballo, evoluciona favorablemente. Neste momento, os medios traballan na extinción dun flanco de moi difícil acceso por medios terrestres, hai que utilizar medios aéreos, e non existe perigo para núcleos habitados, isto sempre con toda a prudencia e cautela, pero baixou moito a intensidade do lume".

En Verín activouse a situación 2 pola proximidade do lume ao lugar de Polvorín e desaloxáronse algunhas persoas pero "volveron xa ás súas casas na mesma noite", explica o responsable de Medio Rural.

O de Verín "foi un incendio intencionado de libro", di o conselleiro

Para Xosé González, o de Verín "foi un incendio intencionado de libro. Estamos falando de dez focos practicamente simultáneos, que se iniciaron cerca das casas; que o que os provoca sabe que nós sempre vamos atender esas casas e esas persoas. Despois plantaron en Vilamaior, claramente para facer dano no ámbito forestal, que foi o que motivou esa extensión que ten o incendio".

"Non son capaz de saber o que pode ter na cabeza esa ou esas persoas, está aberta unha investigación, que provocan eses incendios tan preto das casas, que poden acabar afectando as casas pero tamén as persoas", lamenta o conselleiro.

"Agardamos que as investigacións desemboquen en detencións", di José González

O conselleiro de Medio Rural aclara que as investigacións están abertas en todos os incendios porque "levamos desde a pasada fin de semana moita intencionalidade. Falamos na fin de semana de 26 incendios despois da retirada dos medios aéreos, entre as nove da noite e as oito da mañá do día seguinte, varios deles con varios focos. Houbo incendios claramente intencionados preto das aldeas en Boborás, o do Saviñao tamén con diferentes focos... acredita esta intencionalidade. Estes son dos datos que me dan os corpos e forzas de seguridade do Estado e o Centro de Coordinación de Incendios"

"Agardamos que as investigacións desemboquen en detencións dos que provocan os incendios, sobre os que caerá todo o peso da lei. Amais de pedir a colaboración cidadá, hai que lembrar que hai penas de cárcere e a necesidade de indemnizar os danos causados e os gastos de extinción que son contiosísimos", di José González.

O resto dos incendios evolucionan favorablemente cara a súa estabilización

O resto dos incendios de Galicia, di o conselleiro que evolucionan favorablemente cara á súa estabilización. "Non afectan núcleos habitados, repito isto con toda a prudencia", explica o conselleiro, que acaba de falar co alcalde Arbo, que lle contou que aí hai,  agora, certa tranquilidade.

Aclara o conselleiro que as condicións meteorolóxicas destes días complican moito a extinción, que obriga a refrescar moito os puntos quentes e sobre todo ao longo do día hai que estar moi atentos a posibles reproducións.

O incendio do Castro de Elviña está controlado

Na Coruña, o incendio do Castro de Elviña, que reavivara esta mañá, confirma o conselleiro do Medio Rural que está controlado. Aclara o conselleiro que con estas condicións meteorolóxicas "é moi fácil que reaviva un incendio, por iso temos helicópteros de coordinación realizando vixilancia".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar